"...O principio da sabedoría é o temor de Deus"
"...Nada hai máis precioso có Tempo"
A longa vida de San Xosé de Calasanz ocupa practicamente a segunda metade do século XVI e toda a primeira parte do XVII. Persoa aberta á realidade circundante, recibiu o impacto das ideas e problemas que o rodeaban, e co seu compromiso persoal contribuíu ao progreso das ideas e á solución dos problemas. Pódese afirmar que, xunto con outros dos seus contemporáneos, foi protagonista -aínda que pouco coñecido- da transición do renacemento á modernidade.
Na formación espiritual de Calasanz influíron moito as correntes renovadoras do século XVI en España, personificadas nalgúns autores ascéticos e místicos como García de Cisneros e Juan de Ávila, Bernardino de Laredo e Francisco de Osuna, Luis de Granada e Teresa de Jesús, Antonio Cordeses e Andrés Capilla.
A pegada dalgúns destes autores reflíctese na ensinanza espiritual do Santo, anos máis tarde, cando propón aos relixiosos da súa Orde un camiño espiritual baseado no propio coñecemento como paso inicial e indispensábel para a progresiva identificación con Xesucristo; e a práctica da oración interior, como medio necesario para progresar tanto no coñecemento persoal coma na intimidade co Señor. Os autores antes citados recomendan dous tempos fortes de meditación: o da mañá, adicado á paixón de Cristo, e o da noite, ao propio coñecemento, partindo dos novísimos. Esta práctica estableceuna Calasanz diariamente como fundamental na súa Orde dende as orixes.
Nas Constitucións que escribiu o Santo para os seus relixiosos, nas súas cartas e noutros documentos redactados por el despois da fundación das Escolas Pías, proxecta e encarna esta experiencia interior no compartir diario da comunidade fraterna e na entrega dilixente ao ministerio específico da educación. E como consecuencia diso, nos escolapios, tanto a práctica das virtudes evanxélicas e o empeño ascético coma o compromiso apostólico de toda vida cristiá, quedan coloreados de maneira peculiar polo carisma recibido que integra e unifica todos os aspectos da súa vocación.
Foi precisamente a partir da dedicación de Calasanz á educación dos fillos das clases populares en Roma, nos anos de transición do século XVI ao XVII, cando foi elaborando de modo explícito o seu pensamento pedagóxico, froito do seu persoal itinerario espiritual e social. Anteriormente algúns pensadores humanistas como Juan Luis Vives, Erasmo e o mesmo Lutero teorizaran sobre a educación de nenos e mozos. Incluso algúns fundadores relixiosos anteriores, como Jerónimo Emiliani, Antonio M. Zaccaria e Ignacio de Loyola, iniciaran obras asistenciais e educativas moi meritorias. Sen embargo, o pensamento e a acción de Calasanz significaron unha ruptura respecto da cultura pedagóxica anterior polo interese práctico demostrado en favor da educación das clases populares dende os primeiros anos e pola orientación científica dada á ensinanza, ademais da tradicional humanística.
En diversos escritos fundacionais, Calasanz fai unha formulación teórica clara do que pretende coa obra iniciada: contribuír á reforma da sociedade e á felicidade temporal e eterna das persoas, educando aos nenos na fe cristiá e nas letras humanas, por medio de escolas pías, é dicir, populares e cristiás. Esta filosofía foi levada á práctica por Calasanz durante cincuenta anos ata a súa morte e organizou non menos de trinta colexios en diversos estados europeos, dotándoos de educadores preparados, estruturas adecuadas e regulamentos escritos por el mesmo. Para Calasanz, a figura do educador é elemento fundamental na consecución dos obxectivos pedagóxicos e sociais da súa obra. Na súa persoa conflúen unha vocación relixiosa e unha vocación educativa que se integran nunha identidade propia.
De aí que o pensamento espiritual e pedagóxico de Calasanz se exprese de maneira singular cando escribe, con matices diversos en toda ocasión, sobre a figura ideal ou perfil deste educador que podemos chamar calasancio; será un home entregado á educación evanxelizadora dos nenos, formado cultural e metodoloxicamente de maneira continua, vivindo en comunidade os seus compromisos de relixioso e practicando as virtudes características do seu carisma: confianza en Deus, amor a Xesucristo, devoción a María, pobreza e humildade, caridade e paciencia, entrega e abnegación, esperanza e alegría...
O pensamento espiritual e pedagóxico de San Xosé de Calasanz, e a práctica do mesmo proposta aos seus primeiros compañeiros en Roma ao comezar o século XVII, deu orixe na Igrexa a unha espiritualidade pedagóxica e a unha pedagoxía espiritual de trazos característicos que son unha das primeiras manifestacións da espiritualidade e da pedagoxía modernas.
Esquematicamente, así se podería redactar unha síntese do pensamento espiritual e pedagóxico de San Xosé de Calasanz:
PENSAMENTO ESPIRITUAL E PEDAGÓXICO DE SAN XOSÉ DE CALASANZ.
Por Josep Anton Miró.